lunes, 1 de mayo de 2017

MARÍN. PREMIOS DOS MAIOS E EMBARCACIÓNS

Maio Landeiras, primer premio construcción floral
O 64º Certame de Maios e de Embarcacións organizado polo Ateneo Santa Cecilia de Marín contou coa participación de catro maios e tres embarcacións que, pola mañá, se concentraron na Alameda Rosalía de Castro, onde recibiron a admiración do público congregado para festexar esta celebración tradicional do 1º de maio, e pola tarde, competiron nun certame no que o xurado seleccionou as mellores letras, interpretacións, construccións e coroas.
En canto aos maios, o primeiro premio no apartado de construcción foi para o Maio Landeiras, do que destacou a laboriosa representación de escenas relacionadas co encaixe e un retrato floral de Rosalía de Castro; en segunda e terceira posición quedaron, respectivamente, o Maio San Xulián e o Maio Mariñeiro do CEP Sequelo. A mellor coroa foi a do Maio San Xulián, seguida do Maio Landeiras en segundo lugar e co Maio Mariñeiro como terceiro clasificado. 
O Maio Mariñeiro gañou na categoría de mellor letra cunha composición de estrofas poéticas relacionadas coa primavera. As coplas do Maio Landeiras, que lle cantaron ás novas tecnolocxías, quedaron en segundo posto, seguidas polo Maio San Xulián, críticas coa falta de apoio á cultura e ao patrimonio. Na interpretación gañaron as meniñas e meniños da Escola de Educación Infantil Nosa Señora do Carme, co Maio de San Xulián como segundos clasificados e o Maio Landeiras en terceiro posto.
Embarcación Curuxeira
No apartado das embarcacións, a construcción máis valorada polo xurado foi a da Gamela Coruxeira da Asociación Cultural Amigos dos Rapaces, que destacaba pola súa vela elaborada con espadaina trenzada e decorada con figuras infantís cubertas de flores. En segundo e terceiro postos quedaron o Rampleiro San Xián dos Ancourados e o bote polbeiro Xiana, respectivamente. O barco que presentou a mellor letra foi o Rampleiro San Xián, que vén participando na festa dos maios de Marín dende hai 27 anos e nesta ocasión centrou as súas coplas nas consecuencias do Brexit para a flota pesqueira galega. O segundo posto nesta categoría foi para a Embarcación Xiana, seguida en terceiro lugar pola Gamela Coruxeira.
Finalmente, o barco Xiana -que lucía un crespón negro en sinal de loito polo naufraxio do ‘Novo Marcos’ en augas da ría de Pontevedra, con tres tripulantes falecidos- acadou o primeiro premio en interpretación; segundo foi o Rampleiro San Xián e terceiro, a Gamela Coruxeira.
Maio de San Xulián, segundo premio
O Ateneo Santa Cecilia agradece a todas as entidades veciñais e centros educativos representados no seu profesorado e nas asociacións de nais e pais, así como a todas as rapazas e rapaces, a súa implicación e esforzo a prol do mantemento desta tradición; un agradecemento que fai extensivo ao Concello de Marín e á Dirección Xeral de Cultura polo seu apoio económico, xunto cos establecementos comerciais que doaron as roscas, os chocolates e os caramelos cos que foron agasallados todos os participantes. Dende o Ateneo Santa Cecilia faise un chamamento a incrementar a participación o ano vindeiro, para que esta festividade recupere o esplendor de antano.

No hay comentarios:

Publicar un comentario